Portal:A Coruña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Coruña é unha cidade situada no noroeste de Galiza e bañada polo océano Atlántico, nas rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Despois de Vigo, A Coruña é o segundo concello galego máis poboado; contaba no ano 2015 con 243 870 habitantes, fronte aos 294 098 habitantes da cidade olívica.

A cidade é sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, da Delegación do Goberno en Galicia, da Real Academia Galega, do Arquivo do Reino de Galicia e da Forza Loxística Operativa. Dende 1563 foi sede da Real Audiencia de Galicia (permanentemente dende 1612) e foi capital de Rexión Militar ata a súa desaparición en 2002.

O seu emprazamento é privilexiado, xa que se ergue sobre un promontorio na entrada dunha ría nun amplo golfo, o Portus Magnus Artabrorum dos xeógrafos clásicos. O centro da cidade espállase sobre unha península unida a terra firme por un estreito istmo, no que presenta dúas fachadas marítimas distintas: a portuaria (cara á ría da Coruña), de augas tranquilas, e outra de mar aberto, cara á enseada do Orzán, onde se atopan as praias urbanas de Riazor e o Orzán.

Unha das características máis notables que identifican A Coruña constitúena as múltiples e variadas galerías ou miradoiros que presentan nas súas fachadas numerosas casas do século XIX, que deron á Coruña o sobrenome de Cidade de Cristal, sen esquecer as súas numerosas praias, así como o contorno rural, que ofrece múltiples posibilidades de lecer.

Artigo destacado

editar

A Biblia de Kennicott, ás veces denominada Primeira Biblia de Kennicott, é unha copia manuscrita da Biblia hebrea escrita na cidade da Coruña en 1476, sendo un dos manuscritos iluminados máis exquisitos que se coñecen en lingua hebrea, sendo considerado como unha das obras cume da ilustración medieval, e mesmo o manuscrito sefardí máis luxosamente ilustrado do século XV. O manuscrito foi redactado na cidade da Coruña polo calígrafo Moisés Ibn Zabarah e iluminada por Joseph Ibn Hayyim e foi descuberto no século XVIII. É considerado por algúns, como o historiador Carlos Barros, o manuscrito relixioso máis importante da Idade Media galega.

O manuscrito recibe o seu nome de Benjamin Kennicott, un cóengo da catedral da Igrexa de Cristo de Oxford (Inglaterra), que mercou o manuscrito á Biblioteca Radcliffe, de onde foi transferido á Biblioteca Bodleian en 1872.

Un dos aspectos máis destacados do exemplar é a estreita colaboración que amosa entre o autor do texto e o iluminador, algo poucas veces conseguido neste tipo de traballo, segundo o historiador da cultura xudía Cecil Roth.

Lugar de interese

editar

O Cemiterio de Santo Amaro, tamén coñecido como Cemiterio de San Amaro é un camposanto situado na Coruña. Ten unha superficie de máis de 26 000 m² e está composto por tres áreas: a relixiosa, a civil e a británica (esta última está pechada e é propiedade do Reino Unido). Nel están enterrados personaxes ilustres como o compositor Marcial del Adalid, Francisca Herrera Garrido, Manuel Curros Enríquez, Eduardo Pondal ou Manuel Murguía.

Se ben os primeiros enterramentos da zona datan de 1781, en 1812 fíxose efectiva na Coruña a lei que prohibía os enterramentos nas igrexas e na súa contorna, o que impulsou a construción do cemiterio de Santo Amaro. As obras tiveron lugar entre maio de 1812 e a súa inauguración o 9 de novembro do mesmo ano. Non foi ata 1833 cando se levantou a capela neoclásica da entrada, aínda que a súa construción estaba prevista no proxecto inicial e non puido construirse por falta de fondos.

En 2012 o cemiterio ingresou na Asociación Europea de Cemiterios Significativos (ASCE), e no ano seguinte entrou na Rede de Cemiterios Europea.

Imaxe destacada
Categorías
Biografía destacada

editar

Fernando Casado Arambillet, coñecido artisticamente como Fernando Rey, foi un actor galego, nado o 20 de setembro de 1917 na Coruña; faleceu en Madrid o 9 de marzo de 1994. Era o actor preferido de Luis Buñuel e tivo unha ampla traxectoria recoñecida internacionalmente. Para o seu nome artístico mantivo o seu nome, mais adoptou o segundo apelido de súa nai, Sara Arambillet Rey.

En 1936 comezou a súa carreira como actor facendo de figurante. Con todo, durante a guerra civil loitou no bando republicano, ao igual que seu pai. Finalizada a contenda, pai e fillo foron feitos prisioneiros, sendo Fernando internado no campo de detención improvisado no estadio de Mestalla (Valencia), do que conseguiu escapar e chegar a Madrid. Foi nos anos 60 e 70 cando se fixo internacionalmente famoso da man de Luis Buñuel, encarnando entre outros a Rafael Dacosta en O discreto engado da burguesía, que gañaría o Óscar ó mellor filme en lingua non inglesa en 1972.

Entre outros galardóns, Fernando Rey foi premiado nos festivais de cine de Cannes ou Donostia, e gañou o Goya á mellor interpretación masculina protagonista en 1988 con Diario de invierno. Foi presidente da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España entre 1992 e 1994, cando morreu de cancro.

Sabías que...?

editar

Arco do Triunfo de París

  • …no derrubamento do vertedoiro de Bens (1996) faleceu un home, cuxo cadáver nunha se atopou?
  • …entre 1972 e 1983 celebrouse o Festival de Cinema de Humor no Teatro Colón como sede principal?
  • …o nome da batalla de Elviña (La Corogne) aparece gravado no Arco do Triunfo de París?
Este mes

editar

María Pita na defensa da Coruña.


Cita destacada

editar


Se non for na Ponte-Ceso, / sepultádeme na Cruña,

nesta garrida ciudade / que mil bellezas aduna,
a cabo do insigne Curros, / xa que a del i a miña musa
a fala de Breogán / fixeron nobre e robusta:
eu quero xacer de par / de tan nobre sepultura...

Eduardo Pondal, A derradeira voluntá

Artigos de calidade e bos


Portais relacionados

editar

Galicia
Galicia

Galicia

Ferrol
Ferrol

Ferrol

Lugo
Lugo

Lugo

Ourense
Ourense

Ourense

Pontevedra
Pontevedra

Pontevedra

Santiago de Compostela
Santiago de Compostela

Santiago de Compostela

Vigo
Vigo

Vigo

Proxectos irmáns

editar

Wikimedia Commons
Wikimedia Commons

en Commons