Portal:A Coruña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Coruña é unha cidade situada no noroeste de Galiza e bañada polo océano Atlántico, nas rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Despois de Vigo, A Coruña é o segundo concello galego máis poboado; contaba no ano 2015 con 243 870 habitantes, fronte aos 294 098 habitantes da cidade olívica.

A cidade é sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, da Delegación do Goberno en Galicia, da Real Academia Galega, do Arquivo do Reino de Galicia e da Forza Loxística Operativa. Dende 1563 foi sede da Real Audiencia de Galicia (permanentemente dende 1612) e foi capital de Rexión Militar ata a súa desaparición en 2002.

O seu emprazamento é privilexiado, xa que se ergue sobre un promontorio na entrada dunha ría nun amplo golfo, o Portus Magnus Artabrorum dos xeógrafos clásicos. O centro da cidade espállase sobre unha península unida a terra firme por un estreito istmo, no que presenta dúas fachadas marítimas distintas: a portuaria (cara á ría da Coruña), de augas tranquilas, e outra de mar aberto, cara á enseada do Orzán, onde se atopan as praias urbanas de Riazor e o Orzán.

Unha das características máis notables que identifican A Coruña constitúena as múltiples e variadas galerías ou miradoiros que presentan nas súas fachadas numerosas casas do século XIX, que deron á Coruña o sobrenome de Cidade de Cristal, sen esquecer as súas numerosas praias, así como o contorno rural, que ofrece múltiples posibilidades de lecer.

Artigo destacado

editar

O Río Mesoiro, tamén coñecido como Rego de Campos, Rego de Beneirón ou Río Monelos, é un río galego que nace e desemboca no concello da Coruña. Atópase soterrado durante a maior parte do seu percorrido, canalizado baixo o chan das rúas da cidade.

Nace na parroquia de San Vicenzo de Elviña, no lugar de Castiñeiras, preto do límite municipal entre A Coruña e Arteixo. Dende alí baixa ata Feáns (recibindo durante este percorrido o nome de Rego de Beneirón), para continuar ata Mesoiro (chamándose neste treito Rego de Campos). A partir de Mesoiro é coñecido como Río Mesoiro e continúa o seu traxecto paralelo ó polígono de Pocomaco, sofrendo dúas pequenas canalizacións parciais durante este treito (na travesía de Mesoiro e arredor dunha vía de acceso a Pocomaco). A partir da entrada principal do devandito polígono xa se atopa totalmente canalizado baixo terra ata o peirao de San Diego, no porto da Coruña, onde desemboca.

Lugar de interese

editar

A Casa do Home, máis coñecida como DOMUS, é un museo coruñés, o único interactivo conceptual e monográfico sobre o ser humano. Algunhas das súas montaxes máis interesantes son un colaxe representando a Gioconda realizado con 10.062 fotografías de persoas de todo o mundo, imaxes dun parto, elaborar un menú e comprobar se é equilibrado ou ver os latidos do propio corazón. Foi inaugurado en abril de 1995 e é obra de César Portela e Arata Isozaki.

Conta con 1.500 m² de exposicións, 300 deles na sala Severo Ochoa, de exposicións temporais, e unha sala de proxeccións (chamada Leonardo da Vinci) de cinema en grande formato. As exposicións oferecen uns 200 módulos interactivos. Ademais de fornecer información, esixen ser accionados mediante algún mecanismo, frecuentemente en forma de xogos sinxelos, para entender o seu funcionamento. En 2015 inaugurouse a sala Maker, dedicada á robótica.

Como lembranza da Real Expedición Filantrópica da Vacina, expedición científica que levou a vacina da varíola a América, inaugurouse un monumento na balconada do museo.

Imaxe destacada

editar

A torre de control marítimo no porto da Coruña.
Vexa o artigo provincia marítima da Coruña.


Categorías
Biografía destacada

editar

Wenceslao Fernández Flórez, nado na Coruña o 11 de febreiro de 1885 e finado en Madrid o 29 de abril de 1964, foi un narrador, xornalista e humorista galego. Comezou a traballar moi novo no diario coruñés La Mañana e posteriormente colaborou en El Heraldo de Galicia, Diario de La Coruña e Tierra Gallega, pasando a dirixir con 18 anos o Diario Ferrolano. Ao longo da súa vida logrou numerosos premios e disticións, conseguindo o premio do Círculo de Belas Artes coa súa novela Volvoreta (1917), en 1926 recibiu o Premio Nacional de Narrativa, en 1945 ingresou na Real Academia Española e en 1959 recibiu a Cruz de Alfonso X el Sabio.

Aínda que de ideoloxía conservadora (seguidor e admirador da política de Antonio Maura), non escatimou críticas, ás veces acerbas, como nas súas obras "El secreto de Barba Azul", Las siete columnas ou El espejo irónico, a propósito da política e dos políticos do reinado de Alfonso XIII.

Publicou unhas corenta novelas e libros de relatos de humor, caracterizados estes por un humor irónico con moita retranca, ás veces próximo ó fantástico. A súa obra amósase moi sensible á paisaxe galaica, que envolve nun profundo lirismo. Moitas das súas novelas e relatos posúen contidos simbólicos.

Sabías que...?

editar

Eduardo Dato.Casares Quiroga.


Este mes

editar

María Pita na defensa da Coruña.


Cita destacada

editar


Xa estamos na Coruña. A cidade é lindísima. Moitos xardíns, rúas alegres. As casas con miradoiros de cristais. Moita vida. Movemento. Traballo. No porto, as barquiñas agrupadas bícanse unhas ás outras a impulsos da auga, tan pastosa que parece xarope.

Federico García Lorca

Artigos de calidade e bos


Portais relacionados

editar

Galicia
Galicia

Galicia

Ferrol
Ferrol

Ferrol

Lugo
Lugo

Lugo

Ourense
Ourense

Ourense

Pontevedra
Pontevedra

Pontevedra

Santiago de Compostela
Santiago de Compostela

Santiago de Compostela

Vigo
Vigo

Vigo

Proxectos irmáns

editar

Wikimedia Commons
Wikimedia Commons

en Commons