Cristovo Colón
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Cristovo Colón (1451 Xénova? - Valladolid, 20 de maio de 1506) foi un navegador posiblemente xenovés e explorador do século XV e XVI ao cal se atribúe a descuberta da América, unha vez que, baixo as ordes dos Reis Católicos da España, emprendeu unha viaxe a través do Océano Atlántico co obxectivo de atinxir a India e chegou ás illas do Caribe na América Central.
Índice |
[editar] Biografía
Naceu posiblemente en Xénova, aínda que non hai certeza absoluta sobre o seu lugar de nacemento e teorías hai que o fan nacer en Pontevedra, Barcelona, Chios ou Portugal. De moi novo viaxou polo Mediterráneo Occidental e permaneceu algún tempo en Savona. A chegada de Colón a Portugal débese a que era o representante dos Centurione, que tiñan negocios cos países atlánticos. Viviu moito tempo na Madeira, e entrou nunha familia de mariñeiros polo seu casoiro con Filipa Moniz, filla de Bartolomeu Perestrelo. É durante a súa estadía en Portugal cando se corresponde con Paolo del Pozzo Toscanelli, e pénsase que o relato das viaxes do seu sogro influenciouno na idea de acadar a terra das especias navegando cara Occidente. Mudouse para España en 1486, voltando a Portugal dous anos despois. Colón procurou que os Reis Católicos aprobasen o proxecto da súa viaxe, o que conseguiu a través do confesor da raíña. Asinou o contrato e foi nomeado almirante dos mares e gobernador e vicerrei das terras a descubrir.
[editar] Expedicións
Parte para a súa primeira viaxe en 1492, con dúas carabelas e unha nao do porto de Palos de la Frontera. Unha delas, a Pinta foi construída na Galiza e levaba como piloto a un galego de Baiona: Cristobal García Sarmiento, por este motivo quizais sexa o porto elixido para regresar.
A expedición toca a illa de Gran Canaria e pon rumbo ao sudoeste; tres meses despois chega a un illeo das Bahamas ao que deu o nome de San Salvador. Continuando a navegar costeou Cuba e chegou ao Haití á que deu o nome de Hispaniola. Convencido de ter chegado á India deixa alá unha pequena colonia e regresa á Europa o 1 de Marzo de 1493. Tocando en primeiro lugar o porto de Baiona a carabela Pinta coa seguinte tripulación: Martín Alonso Pinzón, Capitán; Francisco Martín Pinzón, Mestre; Cristobal García Sarmiento, Piloto; Juan Quintero de Algruta, Contramestre; García Hernández, Despenseiro; Juan Reynal, Alguacil; Maestre Diego, Cirurxián; Juan Rodríguez Bermejo (Rodrigo de Triana), Cristobal Quintero, Gómez Rascón, Diego Martín Pinzón, Francisco García Vallejo, Juan Verde de Triana, Antón Calabrés, Álvaro Pérez, Gil Pérez, Sancho de Rama e Juan Veçano, mariñeiros; Pedro de Arcos, Fernando Medel, Francisco Medel, Alonso de Palos, Juan Quadrado, Pedro Tegero,Juan Arias e Bernal, grumetes.
A súa segunda viaxe iniciouse en 1493, con tres naos e 14 caravelas, avista as Antillas e aborda a Martinica. Pón rumbo despois ao norte e chega a Porto Rico. Vai a Hispaniola onde a pequena colonia fora morta polos indíxenas, deixa outro contixente de homes e, virando para Occidente, chega á Xamaica.
Na terceira viaxe, parte en 1498, con seis naos, e chega a Trindade despois dunha atribulada viaxe. Voltando ao sur chega a unha gran terra que pensou que era unha illa e chamoulle Gracia. Rumbo ao norte chega a Santo Domingo, cidade formada por Fr. Bartolomeu. Entra en conflito co gobernador e el e mailo irmán son presos e enviados para España.
Na cuarta viaxe, sai de Cádiz con catro naus en 1502, propóndose chegar ao Oriente. Avista a Xamaica e, despois dunha gran tempestade, chega á Isla de Pinos (Honduras). Avistou despois as costas da Nicaragua, Costa Rica e Panamá. Debido ao pésimo estado das naos ten que regresar a Hispaniola, de onde volta a España.
Esquecido por todos, morre en Valladolid, en 1506.
[editar] Orixe de Cristovo Colón
Sobre a orixe de Colón hai moitas teorías e defensores e publicacións alundindo a unha ou outra nacionalidade.
- Orixe pontevedresa.
Un estudo do profesor Martinho Montero Santalha, da Universidade de Vigo, insiste en que os lusismos que se achan no Diario e noutros textos de Cristovo Colón coinciden co galego da época. Son, afirma, un dos elementos de interese para defender a orixe pontevedresa do ilustre mariño, unha tese que ten un fundamento razoable. Nos escritos de Colón encóntrase léxico como crime, curral, con (=penedo), custa, logo, noite, povo, perigo, deter, sede, pardela (ave), fisga, fame, espeto, corda, força, forno... e outras, comúns ao idioma autóctono da Galiza e de Portugal naquel tempo. O mesmo ocorre coas terminacións en «m» (como um, bem, bom ou tam); o uso de esses en lugar de essos; ou o xénero masculino propio do galego-portugués en palabras que en castelán son femeninas, como el nariz o el señal . Son só alguns exemplos. Incluso formas verbais como disse usábanse daquela en galego. Montero Santalha alude ao verbo dicir porque foi un dos que utilizou Menéndez Pidal para rexeitar que o léxico fose galego -argumentou que tería que ser dixo - e sinalar que eses lusismos eran propios do portugués e se debían ao período que Colón residira en Lisboa.
De todos modos, Colón permaneceu entre 1476 e 1485 en Portugal, o que puido provocar que despois usase nos seus escritos algúns lusismos. Polo tanto, haberá que ter en contra outros criterios, ademais do lingüístico.
- Orixe xenovesa
- Orixe portuguesa
- Orixe catalá
- Orixe mallorquina
- Orixe castelá
- Orixe francesa
- Orixe grega
[editar] Ligazóns externas

