Portal:Finlandia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Finlandia (en finés: Suomi, en sueco: Finland (Suomi_Finland.ogg pronunciación )), oficialmente República de Finlandia (Gl-República de Finlandia.ogg pronunciación ) (en finés: Suomen tasavalta, en sueco: Republiken Finland) é un país nórdico situado no norte de Europa. O país fai fronteira polo oeste con Suecia, polo leste con Rusia e polo norte con Noruega. Polo oeste e polo sur está rodeada polo mar Báltico, que separa de Suecia e Estonia, atravesando o golfo de Finlandia. A capital e maior cidade do país é Helsinqui.

No ano 2009, Finlandia tiña unha poboación de 5,3 millóns de habitantes nunha área de 338.145 quilómetros cadrados. A meirande parte da poboación do país atópase no extremo sur, na costa do golfo de Finlandia e proximidades. Finlandia é o sexto país máis grande de Europa en termos de área, e conta cunha baixa densidade de poboación de 15,5 habitantes por quilómetro cadrado, o que o converte no país menos densamente poboado dentro da Unión Europea. A maioría dos finlandeses falan o finés como a súa lingua materna, a cal é unha das poucas linguas oficiais da Unión Europea que non descenden da familia indoeuropea. A segunda lingua oficial de Finlandia é o sueco, o cal é lingua materna dun 5,5% da poboación nacional.

Previamente Finlandia foi parte de Suecia e dende 1809 a 1917, cando obtivo a súa independencia, o país foi o autónomo Gran Ducado de Finlandia como parte da Rusia Imperial. Hoxe en día, Finlandia é unha república, parlamentaria e democrática. O país é membro das Nacións Unidas e da Unión Europea dende 1995. A economía de Finlandia é unha das máis prosperas do continente, baseándose nos importantes sectores de servizos así como de manufactura. No país existe un estado de benestar así como unha política altamente democrática e con niveis sumamente baixos de corrupción. O país conta co euro como moeda oficial dende o 28 de febreiro de 2002, substituído ao marco finlandés.

Artigo destacado

editar

Lågskär —en galego: «escollo baixo»— é unha pequena illa de 43 hectáreas pertencente ao arquipélago das Åland (Finlandia). Está situada a uns 24 km ao sur de Mariehamn, no Báltico mar de Åland. Caracterízase polos seus cons e cantís na costa, e unha vexetación abundante no interior. Na súa parte meridional localízanse os illotes de Sundbloms Grund, Söderklappen e Österkläppen. Xunto con Björkör, ocupa unha superficie de pouco máis de 60 km² e ten unha altitude media de 6 msnm.

Recoñecida por ser un criadeiro para aves acuáticas, a illa é frecuentada por persoas ornitólogas que empregan o faro durante a súa estadía para pernoctar. Este foi construído en 1920, cun dispositivo de alumeado rotatorio mediante gas, o primeiro do seu tipo no mundo. Pola súa banda, é de destacar que varios buques de guerra afundiron fronte á súa costa, incluíndo o acoirazado alemán SMS Rheinland durante unha espesa névoa en 1918. Ademais, son numerosas as rutas de transbordador que pasan a escasos quilómetros do seu territorio, como a que une Estocolmo con Tallin e a que vai dende Mariehamn a Helsinqui. No ano 2000, foi clasificada como un área importante para a conservación das aves (AICA) por BirdLife International.

Cidade destacada

editar

Kajaani (en sueco Kajana) é unha cidade de Finlandia. Está localizada no centro do país, ao sueste do Lago Oulu (en finés Oulujärvi), que drena ao golfo de Botnia a través do Río Oulu (en finés Oulujoki). É o centro e capital da rexión de Kainuu, da cal é tamén a cidade máis poboada. A día 31 agosto 2018, tiña unha poboación de 37.039.

A cidade fundouse no século XVII, alimentada polo crecemento da industria do alcatrán. Sucumbiu ante as forzas rusas durante a Gran Ira do século XVIII, que destruiu o castelo de Kajaani en 1716. Hoxe en día, a economía local está impulsada principalmente polas industrias da serra, a madeira para construción e a industria papeleira, aínda que a fábrica de papel de UPM Kymmene en Kajaani, a principal empresa que proporcionaba traballo dende 1907 ata 2008, está agora pechada. A igrexa de Kajaani foi construída en 1896 en estilo neogótico polo arquitecto Jac Ahrenberg, remprazando a unha igrexa anterior. O Teatro Municipal de Kajaani fundouse en 1969.

Kajaani é a casa de dous equipos de fútbol, AC Kajaani e Kajaanin Haka, e do equipo de hóckey sobre xeo Hokki. A Universidade de Ciencias Aplicadas de Kajaani foi fundada en 1992.

Divisións administrativas
Categorías
Biografía destacada

editar

Johan Julius Christian Sibelius, máis coñecido como Jean Sibelius, nado en Hämeenlinna o 8 de decembro de 1865 e finado en Järvenpää o 20 de setembro de 1957, foi un compositor finlandés do Romanticismo tardío, sendo o compositor máis famoso do país.

Trátase dun dos máis populares compositores de finais do século XIX e principios do século XX. A súa música, como o poema sinfónico Finlandia, a Suite Karelia, o Concerto para violín en Re menor ou a Suite Lemminkäinen, xunto co seu xenio xogaron un importante papel na formación da identidade nacional finlandesa, sendo xunto con Johan Ludvig Runeberg, un dos finlandeses que simbolizan este nacemento a pesar de seren suecofalantes. Sibelius converteuse non só no símbolo da música finlandesa, senón tamén de todo o país, e a súa música acadou un nivel de universalidade equiparable ao dos máis grandes espíritos da música occidental.

Imaxe destacada

editar

Lago Vihajärvi en Puolanka, na rexión de Kainuu.
Vexa o artigo Lagos de Finlandia.


Sabías que...?

editar

Sinal en finés e saami setentrional no concello de Enontekiö.


Artigos de calidade e bos
Proxectos relacionados
Portais relacionados
Proxectos irmáns

editar

Wikimedia Commons
Wikimedia Commons

en Commons