Valga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaValga
Imaxe

Localización
lang=gl Editar o valor em Wikidata Mapa
 42°41′21″N 8°38′53″O / 42.6893, -8.6481Coordenadas: 42°41′21″N 8°38′53″O / 42.6893, -8.6481
EstadoEspaña
Comunidade autónomaGalicia
ProvinciaProvincia de Pontevedra Editar o valor em Wikidata
CapitalPonte Valga Editar o valor em Wikidata
Poboación
Poboación5.704 (2023) Editar o valor em Wikidata (140,08 hab./km²)
Xeografía
Parte de
Superficie40,72 km² Editar o valor em Wikidata
Comparte fronteira con
Organización política
• Alcalde Editar o valor em WikidataJosé María Bello Maneiro Editar o valor em Wikidata
Eleccións municipais en Valga Editar o valor em Wikidata
Identificador descritivo
Código postal36645 Editar o valor em Wikidata
Fuso horario
Código INE36056 Editar o valor em Wikidata

Páxina webvalga.gal Editar o valor em Wikidata
Facebook: ConcellodeValga Twitter: OMIXCONCELLOVAL Instagram: concellodevalga Youtube: UCl5r3DP0Q_Q5oYcfI4pwrWg Editar o valor em Wikidata

Valga é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Caldas. Segundo o IGE a súa poboación no ano 2014 era de 6.050 persoas. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «valgués, valguesa».

Poboación[editar | editar a fonte]

Censo total 2014 6.050 habitantes
Menores de 15 anos 823 (13.60 %)
Entre 15 e 64 anos 3.996 (66.05 %)
Maiores de 65 anos 1.261 (20.84 %)

Localización[editar | editar a fonte]

Valga atópase na beira esquerda do curso baixo do río Ulla; está cruzado pola autoestrada AP-9, o camiño de ferro da Coruña a Vigo, a N-550 da Coruña a Pontevedra e a C-550 de Fisterra a Tui.

A parte norte ocúpaa o amplo val do Ulla, ao que verten os ríos Louro e Valga, que transcorren paralelos parte do seu percorrido. Nos lindes do suroeste atópanse o monte Fontebecha (372 m), O Mecho (365 m) e o Outeiro da Marquesa (356 m). Cara ao sueste está a ladeira do monte Xesteiras (que chega aos 716 m entre Cuntis e A Estrada). Nesta zona máis interior do concello sobresaen o Monte Gorgullón (283 m), o Monte Ouroso (354 m), o Outeiro da Carballeira (350 m), o Outeiro dos Lobos (402 m), o Alto dos Salgueiros (372 m), o Monte da Lagoa (397 m) e o Monte Lomba (371 m). As vías de comunicación circulan en dirección norte-sur na depresión entre as unidades montañosas de Fontebecha e de Xesteiras.

As temperaturas son suaves, cunha media de 13 °C. Chove bastante, até chegar aos 1.700 mm anuais.

Historia[editar | editar a fonte]

Durante a idade Media o territorio era señorío do arcebispo de Santiago de Compostela e dividíase entre Cordeiro e Padrón.

O 27 de abril de 1809, durante a Guerra de Independencia española tivo lugar a Batalla de Casal do Eirigo. Nela os voluntarios do lugar, dirixidos por Pablo Morillo e polo presbítero Felipe Concha fixeron retroceder até Pontecesures as tropas de Ney e Maucunne. Parece que con tal ocasión foi construída a ermida de Nosa Señora da Saúde.

O concello xurdiu da división municipal de 1821, levando o nome de Cordeiro até 1836. En 1925 segregouse a parroquia de San Xulián de Requeixo, dando lugar ao actual concello de Pontecesures.

Patrimonio[editar | editar a fonte]

Pedra das Serpes, ou petróglifo de Campo Redondo.

O petróglifo dos Penoucos de Campo Redondo, na parroquia de Valga, data da Idade de Bronce, e está declarado Ben de Interese Cultural. Da cultura castrexa son os poboados do Castro e a Roda do Castro (Setecoros) e O Castro (Cordeiro).

A capela dos Martores data do século V, sendo ampliada no XVII. A igrexa de Santa María de Xanza e a de Santa Cristina de Campaña son románicas. A igrexa vella de Santa Comba de Louro foi derrubada no século XVIII.

Dada a orografía do territorio, abundan os miradoiros, como o de Chan do Monte en Setecoros, o de Campo Redondo e o miradoiro do monte Xesteiras.

Valga celebra o 31 de agosto a Festa da anguía e a Mostra da Caña do País.

Antigo escudo de Valga.

Símbolos[editar | editar a fonte]

En 2017, o pleno do concello aprobou un novo escudo municipal, deseñado polo historiador Eduardo Pardo de Guevara, vicepresidente da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia.

O escudo anterior databa de 1816 e representaba un año pendurado dunha corda sobre unha ponte. O motivo do año e a corda procede da insignia da Orde do Vélaro de Ouro, se ben o símbolo desta e o animal que aparece na lenda orixinal é un carneiro adulto. A razón pola que se recorreu a esta imaxe parece deberse ao nome da parroquia de CordeiroCordario no século XI[1], derivado do latín vulgar cordarium—, posiblemente alusivo á existencia dunha antiga cordoaría na zona, que evolucionou ata coincidir co nome da cría da ovella. A ponte fai referencia ao lugar de Ponte Valga, sede da casa do concello.

O brasonamento do novo escudo é o seguinte:

De azur e sobre ondas de prata e azur, a ponte de ouro, surmontado do año alterado de prata e de dúas cordas de ouro, cos seus extremos ou cabos soltos e dispostas nos flancos. Ao timbre, a coroa real pechada.[2]

Nas novas armas corríxese a anomalía que supuña o uso da simboloxía do Vélaro de Ouro sen ter o concello relación ningunha coa Orde. Ademais, a representación actual do año, vivo e ceibo, resulta menos agresiva cá imaxe do seu coiro atado e colgante.[3]

Tamén no 2017 adoptouse un himno municipal[4], composto polo músico valgués Manu Conde, membro do grupo Milladoiro, con letra anónima, segundo o concello. Un veciño afirmou que a letra do himno se basea nunha composición poética súa que el mesmo dera a coñecer ao concello. Segundo este veciño, a letra fora despois sometida a modificacións que el nunca autorizou, polo que se desvinculou do proxecto. Con todo, denunciou que a letra final foi desenvolvida a partir do seu texto, co que mantén unha gran semellanza, sen recoñecemento á súa autoría orixinal.[5]

Valga na literatura popular[editar | editar a fonte]

Rosalía de Castro escribiu o seguinte:

Vexo Valga á beira hermosa/ dun camiño todo prata,/ casta virxe candorosa,/ sentadiña en chan de rosa,/ vestidiña de escalrata.
Cantigueiro
  • Véxote no Milladoiro,/ no Faramelo, en Padrón,/ e astra pola Ponte Valga/ te vexo no corazón [6].

Asociacións culturais e deportivas[editar | editar a fonte]

O concello de Valga conta con diferentes asociacións culturais, como a Banda de Música Municipal de Valga, a Escola de Música Municipal de Valga[7], a Escola Municipal de Teatro e a Asociación Cultural e Xuvenil A Eira[8], entre outras moitas.

O Furia Athlétic Club é un equipo de fútbol localizado na parroquia de Santa Cristina de Campaña.[9]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes de Valga.

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Valga

Campaña (Santa Cristina) | Cordeiro (Santa Comba) | Setecoros (San Salvador) | Valga (San Miguel) | Xanza (Santa María)

Lugares de Valga[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Valga vexa: Lugares de Valga.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Urraca Garcés | Real Academia de la Historia". dbe.rah.es. Consultado o 2019-12-12. 
  2. "Archivo:Escudo de Valga (Pontevedra).svg" (en castelán). 
  3. "El riesgo de "maltrato animal" desaparece del escudo y el estandarte oficiales de Valga". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2019-12-12. 
  4. Administrador. "Símbolos corporativos". Web Concello de Valga. Consultado o 2019-12-13. 
  5. "Un vecino de Valga acusa al Concello de plagiar un poema suyo en el himno municipal". La Voz de Galicia (en castelán). 2017-05-27. Consultado o 2019-12-12. 
  6. O Milladoiro é lugar da parroquia de Biduído, concello de Ames; O Faramello non está en Padrón senón que é lugar da parroquia de Ribasar, no concello de Rois; Ponte Valga é lugar da parroquia e concello de Valga. No texto: hastra
  7. "Escola de Música Municipal de Valga". Arquivado dende o orixinal o 09 de outubro de 2014. Consultado o 04 de decembro de 2014. 
  8. "Asociación Cultural e Xuvenil A Eira". Arquivado dende o orixinal o 10 de decembro de 2014. Consultado o 04 de decembro de 2014. 
  9. Furia Athletic Club

Véxase tamén[editar | editar a fonte]


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre concellos de Galicia é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.