Wikipedia:Artigo destacado/xaneiro 2014

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A síndrome de inmunodeficiencia adquirida ou SIDA (ás veces sida) é a fase final da infección polo virus da inmunodeficiencia humana, polo que o proceso infeccioso completo se chama infección por VIH/SIDA ou VIH/SIDA (en inglés HIV/AIDS). Trátase dunha enfermidade do sistema inmunitario humano causada pola infección polo virus da inmunodeficiencia humana (VIH) na cal o sistema inmunitario perde a capacidade de loitar contra as infeccións. O virus ataca principalmente as células T CD4+ do sistema inmunitario (un tipo de glóbulo branco do sangue que activa e regula o sistema inmunitario).

O VIH transmítese principalmente durante as relacións sexuais sen protección (incluído o sexo anal e oral), máis tamén a través do sangue infectado por medio de transfusións de sangue non debidamente controladas, ou por compartir agullas hipodérmicas e xeringas, como tamén de nai a fillo durante o embarazo, parto, ou lactación.

A SIDA tivo un grande impacto na sociedade, tanto como enfermidade coma por ser unha causa de discriminación das persoas infectadas. A enfermidade tamén ten un impacto económico moi significativo. Hai moitas concepcións erradas sobre a SIDA, como a crenza de que pode transmitirse por contactos casuais non sexuais.