Sikorsky S-52

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sikorsky S-52
Tipohelicóptero
FabricanteSikorsky Aircraft
Primeiro voo12 de febreiro de 1947
Introducidoabril de 1951
Principais usuariosArmada dos Estados Unidos
Exército dos Estados Unidos
Corpo de Marines
Garda Costeira dos Estados Unidos
Unidades construídas93
VariantesSikorsky XH-39
Vertical Hummingbird

O Sikorsky S-52 é un helicóptero utilitario desenvolvido por Sikorsky Aircraft a finais dos anos 40. Foi usado pola Armada, o Corpo de Marines, e a Garda Costeira dos Estados Unidos.[1] O S-52 foi o primeiro helicóptero estadounidense con todas as pas metálicas. Inicialmente era un aparello bipraza pero desenvolveuse nas versións de catro asentos S-52-2 e S-52-3. Foi designado HO5S-1 pola Armada e os Marines, HO5S-1G pola Garda Costeira, e YH-18A polo Exército, e foi usado amplamente por operadores civís tras ser retirado do servizo militar.

Deseño e desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Sikorsky Aircraft comezou a deseñar o S-52 a finais de 1945.[2] O seu prototipo, que voou por vez primeira en 1947, era un bipraza cun motor de seis pistóns refrixerado por aire de 178 cabalos (133 kW) Franklin.[1] O prototipo foi pioneiro no uso de pas totalmente metálicas no rotor principal e de cola xunto con bisagras desprazadas para o rotor principal, que permitían unha maior manobrabilidade e convertiríanse nunha característica dos deseños de Sikorsky. A aparello obtivo o seu certificado de tipo o día 25 de febreiro de 1948. O S-52 desenvolveu ao poco tempo como o S-52-1 coa instalación dun motor Franklin máis potente con 245 cabalos.[3]

Como primeiro helicóptero estadounidense en ter todas as pas metálicas,[4][1] o prototipo estableceu varios récords de velocidade e altura en 1948,[1] como o de 204,2 km/h nun curso de 3 km, o de 197,54 km/h nun circuíto de 1 km, e unha altura absoluta de 6 468 m.[4] Foi capaz de flotar fóra do efecto chan a 1 798 m ou a 2 804 m no efecto chan.[4] O S-52 foi o primeiro helicóptero en realizar un loop, con Harold E. Thompson aos mandos o 19 de maio de 1949.[5]

A versión de dous asentos foi modificada para desenvolver o S-52-2, un helicóptero de catro asentos que usaba un motor de 245 hp (183 kW) Franklin O-425-1 refrixerado por aire, movido lixeiramente cara atrás para acomodar á maior cabina.[3] Tiña unha fuselaxe semimonocasco cunha gran cristaleira en forma de burbulla na fronte,[4] un rotor de tres pas, en un tren de aterraxe fixo de catro rodas substituíndo ao anterior de tres rodas en triciclo.[3] O S-52-3 (HO5S-1) de produción incorporaba un estabilizador de cola en V inclinado cara abaixo (anédrico). Tamén tiña portas deslizantes nos lados dereito dianteiro e esquerdo traseiro, e a burbulla frontal estaba dividida verticalmente podendo abrirse a parte esquerda como unha cuncha. O motor estaba situado no extremo posterior da cabina e estaba inclinado cara adiante 30 graos para acoplarse co embrague e a transmisión. O piloto ao mando ocupaba o asento dereito, mentres que a cuncha frontal permitía cargar dúas padiolas no lado esquedo do aparello, onde os pacientes podían ser atendidos por un médico no asento traseiro dereito en misións de evacuación médica de emerxencia.[3]

O S-52 tamén foi a base do S-59 impulsado por turbina e designado orixinalmente S-52-5 ou YH-18B,[3] que, ao igual que o XH-39, competiu e perdeu no contrato que levou ao Bell UH-1 Iroquois. O S-59 diferenciase por ter un rotor de catro pas (o S-52' ten tres) e un tren de aterraxe en triciclo retráctil.[4]

Historial operativo[editar | editar a fonte]

HO5S-1 dos Marines evacuando feridos na guerra de Corea

A Armada dos Estados Unidos operou a aeronave como helicóptero utilitario e tamén foi usada polo Corpo de Marines para tarefas de observación durante a guerra de Corea.[6] Os Marines tamén usaron extensamente o HO5S para tarefas de evacuación médica durante ese conflito, xa que podía levar dous soldados feridos en padiolas internamente, o que era considerado unha vantaxe con respecto ao Bell HTL, que só podía levar padiolas no exterior.[3]

Catro S-52, coñecidos como YH-18A, foron avaliados polo Exército estadounidense en 1950 para o seu uso como helicóptero utilitario, pero non foron mercados en grandes cantidades.[2] O YH-18A número de serie 42-2890 sería posteriormente reconstruído como un prototipo XH-39.[3]

En setembro de 1952 oito helicópteros S-52-3 foron entregados á Garda Costeira estadounidense como o HO5S-1G, pero descubriuse que eran demasiado lentos, pequenos e cun alcance curto para as misións de rescate no mar, polo que comezaron a almacenarse a partir abril de 1954.[3]

Moitos antigos helicópteros militares S-52 foron desmilitarizados, reconstruídos e licenciados para o uso civil, e en 1964 Orlando Helicopter Airways (OHA) mercou o certificado de tipo e o inventario de pezas de Sikorsky.[3][7] A principios dos 60 o fundador de OHA, Fred Clark, utilizara unha frota de tres S-52 para inspeccións de liñas eléctricas e para trasladar VIP e membros dos medios de comunicación entre Orlando, Florida, e o Centro Espacial Kennedy de Cabo Cañaveral. OHA acabaría adquirindo polo menos 17 helicópteros S-52, que foron amplamente utilizados para voos de inspección de liñas eléctricas de longa distancia, un papel para o que Clark considerou que o S-52 era ben axeitado, xa que era máis cómodo de voar e tiña un alcance máis longo que o Bell 47, entón prevalente.[7]

En 1981 un científico da NASA contactou con Clark, propondo desenvolver unha proba de concepto dun helicóptero tripulado de propulsión eléctrica. OHA tiña un antigo HO5S-1 do Corpo de Marines danado por un furacán almacenado e, utilizando fondos da NASA, o helicóptero foi reconstruído con catro motores de arranque eléctricos de 60 CV recuperados de motores turboeixo en desuso, xunto con catorce baterías de chumbo-ácido de 72 V. En 1983 a aeronave foi voada brevemente con enerxía eléctrica a bordo, pero desmostrou ter problemas de sincronización do motor. OHA conseguiu financiamento adicional da NASA agardando substituír a problemática configuración de catro motores por un único motor de torpedo de 240 CV que eliminaría a transmisión, pero foi incapaz de obter o motor desexado da Armada. En consecuencia, OHA almacenou o helicóptero indefinidamente en 1984 e o proxecto foi finalmente abandonado. Aínda que finalmente non tivo éxito, crese que o HO5S-1 de propulsión eléctrica foi a primeira aeronave eVTOL tripulada que voou usando unha batería a bordo en lugar dun cable conectado a unha fonte de alimentación terrestre.[7]

Un HO5S-1 restaurado, un dos poucos exemplares do modelo en condición de voo, aparece no filme de 2022 Devotion.[8][9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Donald 1997, p. 840
  2. 2,0 2,1 Harding 1990, p. 228
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 3,8 "Sikorsky S-52 – Igor I Sikorsky Historical Archives" (en inglés). Consultado o 2024-05-10. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Polmar e Kennedy, p. 288
  5. Guinness World Records 2019. Portable Press, 2019. 22 de xaneiro de 2019. p. 164. ISBN 9781684127184
  6. Rawlins, p. 44
  7. 7,0 7,1 7,2 "Orlando Helicopter’s Electric Sikorsky S-52". evtol.news (en inglés). Consultado o 2024-05-10. 
  8. Busha, Jim (novembro de 2022). "Bond of Brothers". EAA Sport Aviation. Oshkosh, Wisconsin: Experimental Aircraft Association. pp. 52–63
  9. Spangler, Scott (2021-02-22). "Devotion: Bearcats, Corsairs, & Real Moviemaking Oh My!". Jetwhine. Consultado o 2024-05-10. 

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Donald, David, ed. "Sikorsky S-52". Encyclopedia of World Aircraft. Etobicoke, Ontario: Prospero Books, 1997. ISBN 1-85605-375-X.
  • Harding, Stephen. "Sikorsky H-28". U.S. Army Aircraft Since 1947. Shrewsbury, England: Airlife, 1990. ISBN 1-85310-102-8.
  • Polmar, Norman, e Floyd D. Kennedy, Jr. Military Helicopters of the World. Annapolis, MD: Naval Institute Press, 1981. ISBN 0870213830.
  • Rawlins, Eugene W. Marines and Helicopters 1946 - 1962. History and Museums Division Headquarters USMC, 1976. ISBN 9781500102852.