Saltar ao contido

Portal:Xogos Olímpicos/Biografía destacada/2

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Michael Jeffrey Jordan, nado o 17 de febreiro de 1963 en Brooklyn, Nova York, é un ex xogador de baloncesto estadounidense, home de negocios, e propietario maioritario dos Charlotte Bobcats. A súa biografía na páxina web oficial da National Basketball Association (NBA) di: "Por aclamación, Michael Jordan é o mellor xogador de baloncesto de tódolos tempos."

Despois dunha sobresaliente carreira na Universidade de Carolina do Norte en Chapel Hill, onde dirixiu aos Tar Heels a un Campionato Nacional en 1982, Jordan uniuse aos Chicago Bulls da NBA en 1984. Rapidamente destacou como unha das estrelas da liga, debido ás súas grandes actuacións e espectacular xogo, destacando sobre todo a súa capacidade de salto. Por mor disto recibiu os alcumes de "Air Jordan" e de "His Airness". Ademais tamén adquiriu a reputación de ser un dos mellores xogadores defensivos no baloncesto. En 1991, gañou o seu primeiro campionato cos Bulls, seguido doutros dous títulos consecutivos en 1992 e 1993. Aínda que Jordan se retirou abruptamente do baloncesto ao inicio da tempada 1993-94 para seguir a súa carreira no béisbol, regresou aos Bulls en 1995, gañando outros tres campionatos consecutivos, 1996, 1997 e 1998. Jordan retirouse por segunda vez en 1999, mais regresou para dúas tempadas máis en 2001 como membro dos Washington Wizards. Ao longo da súa carreira gañou dous ouros olímpicos en Os Ánxeles 1984 e Barcelona 1992, formando parte nestes últimos do chamado Dream Team.

Foi elixido para o Basketball Hall of Fame o 6 de abril de 2009 e admitido o 11 de setembro de 2009 e o seu dorsal está retirado polos Chicago Bulls e Miami Heat. Fóra do mundo puramente deportivo, Jordan é tamén coñecido polos seus patrocinios publicitarios, destacando ás súas zapatillas de deporte "Air Jordan" de Nike, introducidas en 1985 e aínda moi populares hoxe en día.