Museo de Selos e Moedas de Mónaco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Museo de Selos e Moedas de Mónaco
Musée des Timbres et des Monnaies de Monaco
Fachada principal do
Museo de Selos e Moedas de Mónaco


Coordenadas43°43′42″N 7°25′05″L / 43.72833, -7.41806
PaísMónaco Mónaco
CidadeFontvieille
Inauguración1950
Na rede
https://www.mtm-monaco.mc/
editar datos en Wikidata ]

O Museo de Selos e Moedas de Mónaco (en francés: Musée des Timbres et des Monnaies de Monaco), situado na zona de Fontvieille, en Mónaco, é un museo filatélico e numismático que expón as coleccións privadas do príncipe Raineiro III, fundador da institución, centradas na historia postal do Principado de Mónaco desde 1885 e que recolle a cronoloxía completa das moedas monegascas desde o ano 1641 ata as actuais emisións en euros.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Edificio do museo, no porto de Fontvieille

A finais do século XIX, o pastor inglés G. G. Barbier reuniu unha importante colección de selos de Mónaco que abranguía, entre outros, algúns exemplares sardos anteriores a 1860.[2][3]

Logo do pasamento de Barbier, o príncipe Alberte I comprou a colección, que foi enriquecida moi considerablemente polo seu sucesor, Lois II. Cando foi herdada por Rainiero III, este deulle un novo pulo e, en 1950, decidiu expola ao públiio creando o chamado Museo Postal.[3][4][5]

En 1987 formouse unha comisión asesora, responsable da clasificación e da conclusión da colección filatélica. Unha orde soberana de Rainiero III estableceu o museo en decembro de 1995 e o ano seguinte abriu ao público, chamado inicialmente Museo de Selos. En 2001 modificou o seu nome a Museo de Selos e Moedas para reflectir o contido das súas coleccións.[3][4][5][6]

Coleccións[editar | editar a fonte]

O museo estrutúrase en dous espazos: a "gran sala" e a "sala de selos raros".[2][4][5]

  • Gran sala. Neste espazo amósanse dúas coleccións, unha delas a de moedas da historia do Principado de Mónaco a partir de 1641 e outra que recolle toda a produción de selos monegascos desde 1885 ata a actualiade.[2][4]
  • Sala de exemplares raros. Expóñense aquí pezas filatélicas de alto valor, entre os que cómpre salientar un bloque de cino selos de 5 francos de Carlos III, así como un sobre expedido en Menton, nos Alpes Marítimos, datado o 12 de abril de 1851, cun exemplar da primeira emisión de selos sardos, que daquela se utilizaban no principado.[2][4]

Ademais dos exemplares de selos e moedas, exhíbense tamén no museo outros obxectos, como unha máquina de impresión rotativa que se utilizou para a impresión de selos monegascos durante máis de 50 anos, así como varios cuños e punzóns para selos e moedas etc. Os visitantes poden tamén ver o proceso de fabricación dos selos durante a súa visita ao museo grazas a unha imprenta manual disposta para o efecto.[2]

O Club de Montecarlo[editar | editar a fonte]

Na sede do Museo de Selos e Moedas de Mónaco estableceuse en 1999 o Club de Montecarlo da Elite da Filatelia (Club de Monte-Carlo de l'Elite de la Philatélie), por proposta do filatélico Alexander D. Kroo e mediante un decreto sancionado polo príncipe Rainiero III. O club organiza cada dous anos exposicións de rarezas filatélicas coa denominación de MonacoPhil.[7][8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Présentation". Musée des Timbres et des Monnaies.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "Musée des Timbres et des Monnaies". Monte-Carlo.mc
  3. 3,0 3,1 3,2 Vienne, C. (2019). "Musée des timbres et des monnaies : des collections réputées dans le monde entier". En Monaco Tribune. 14 de febreiro.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 "Musée". Office des Timbres". Principauté de Monaco.
  5. 5,0 5,1 5,2 "Historique". Musée des Timbres et des Monnaies.
  6. "Musée des Timbres et des Monnaies". Visitmonaco.com
  7. "Le Club de Monte-Carlo". En Monacophil.eu
  8. "Why 100 of the world's top collectors will be in Monaco this weekend". Paul Fraser Collectibles.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]