Grumman

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Grumman
Fundación6 de decembro de 1929
LocalizaciónBethpage, New York
FundadorLeroy Grumman
Edmund Ward Poor
William T. Schwendler
Jake Swirbul
editar datos en Wikidata ]

Grumman Aircraft Engineering Corporation, despois Grumman Aerospace Corporation, foi un produtor estadounidense de avións militares e civís.[1] Fundada o 6 de decembro de 1929 por Leroy Grumman e os seus socios, a compañía fusionouse en 1994 con Northrop Corporation para formar Northrop Grumman.

Historia[editar | editar a fonte]

Leroy Grumman comezou a traballar en 1920 na Loening Aircraft Engineering Corporation. En 1929 Keystone Aircraft Corporation mercou Loening Aircraft e trasladou as súas operacións dende a cidade de Nova York a Bristol, Pennsylvania. Grumman e outros tres ex-empregados de Loening Aircraft[2] (Edmund Ward Poor, William Schwendler e Jake Swirbul) fundaron a súa propia compañía nunha antiga fábrica de Cox-Klemin Aircraft Co. en Baldwin, en Long Island, Nova York.

A compañía foi rexistrada o 6 de decembro de 1929 e comezou a traballar oficialmente o 2 de xaneiro de 1930. Mentres mantiña o negocio soldando tubos de aluminio para bastidores de camións, a empresa perseguiu con ansia contratos coa Armada dos Estados Unidos.[2] Grumman deseñou os primeiros flotadores prácticos cun tren de aterraxe retráctil para a Armada, e isto lanzou a Grumman ao mercado da aviación. O primeiro avión Grumman tamén foi para a Armada, o Grumman FF-1, un biplano con tren de aterraxe retráctil desenvolvido en Curtiss Field en 1931. A eo seguíronlle outros deseños exitosos.[2]

Durante a segunda guerra mundial, Grumman fíxose coñecida polos seus "Cats" (cazas da Armada): o F4F Wildcat, o F6F Hellcat,o F7F Tigercat e o Grumman F8F Bearcat,[3] e tamén polos seus torpedeiro Grumman TBF Avenger. Grumman ocupou o posto 22 entre as corporacións dos Estados Unidos no valor dos contratos de produción en tempo de guerra.[4]

O primeiro avión a reacción de Grumman foi o F9F Panther, seguido polo F9F/F-9 Cougar actualizado e o F-11 Tiger nos anos 50. Os grandes éxitos da posguerra da compañía chegaron na década de 1960 co A-6 Intruder e o E-2 Hawkeye e na década de 1970 co EA-6B Prowler e o F-14 Tomcat. Os produtos de Grumman foron destacados en varias longametraxes, incluíndo The Final Countdown en 1980,[5] Top Gun en 1986 e Flight of the Intruder en 1990.[6] A Armada dos Estados Unidos aínda emprega o Hawkeye como parte das súas Ás Aéreas Embarcadas a bordo de portaavións, mentres que o Prowler voou ata 2019 co Corpo de Marines.[7] Grumman foi o contratista principal do Módulo Lunar Apollo, a primeira nave espacial en levar humanos á Lúa. A empresa recibiu o contrato o 7 de novembro de 1962 e construíu 13 módulos lunares. Seis deles aterraron con éxito na Lúa, un deles serviu como bote salvavidas no Apollo 13, despois de que unha explosión paralizara o módulo de servizo da nave Apollo. O LM-2 (Módulo Lunar 2), un artigo de proba que nunca voou no espazo, móstrase permanentemente na Smithsonian Institution.[8] Cando o programa Apollo chegaba ao seu fin, Grumman foi un dos principais competidores para o contrato para deseñar e construír o transbordador espacial, pero perdeu ante Rockwell International.[9]

En 1969 a compañía cambiou o seu nome polo de Grumman Aerospace Corporation,[10] e en 1978 vendeu Grumman-American Division a Gulfstream Aerospace.[11] Ese mesmo ano mercou o fabricante de autobuses Flxible. A compañía construíu o Grumman LLV (Long Life Vehicle), un camión de correo lixeiro deseñado e utilizado polo Servizo Postal dos Estados Unidos. O LLV foi producido dende 1987 ata 1994. A súa vida útil prevista era de 24 anos, pero algúns deles aínda estaban en servizo en 2020.[12] En 1983 Grumman vendeu Flxible por 40 millóns de dólares a General Automotive Corporation de Ann Arbor.[13]

Nos anos 50 Grumman comezou a produción de avións executivos Gulfstream, comezando co turbohélice Gulfstream I (Grumman model G-159) e o reactor Gulfstream II (Grumman model G-1159). Os avións Gulfstream foron operados por moitas empresas, particulares e axencias gobernamentais, incluíndo varias entidades militares e a NASA. Ademais, o Gulfstream I foi operado por varias compañías aéreas rexionais en servizos regulares de pasaxeiros. A versión Gulfstream I-C (Grumman model G-159C) foi "alongada" para levar 37 pasaxeiros.

A principios dos 70 Grumman adquiriu a participación maioritaria na liña de avións moi lixeiros de American Aviation, reetiquetado os seus avións como "Grumman-American" ou "Grumman American", uníndose a ela finalmente coa súa división Gulfstream antes de vender esa empresa combinada en 1978.

En 1978 Grumman vendeu Gulfstream a American Jet Industries, que adoptou o nome de Gulfstream. Dende 1999 Gulfstream é unha subsidiaria totalmente propiedade de General Dynamics.[14]

No ano 1994 Grumman fusuionouse con Northrop Corporation para formar a empresa de tecnoloxía aeroespacial e de defensa Northrop Grumman.[15]

Avións[editar | editar a fonte]

Nome do modelo Primeiro voo Fabricados Tipo
Grumman FF 1931 116 Caza naval cun motor de pistóns
Grumman JF Duck 1933 48 Hidroavión de observación cun motor de pistóns
Grumman F2F 1933 55 Caza naval cun motor de pistóns
Grumman F3F 1935 147 Caza naval cun motor de pistóns
Grumman XSBF 1936 1 Prototipo de bombardeiro en picado cun motor de pistóns
Grumman J2F Duck 1936 254 Hidroavión de observación cun motor de pistóns
Grumman G-21 Goose 1937 345 Hidroavión bimotor de pistóns
Grumman F4F Wildcat 1937 2 605 Caza naval cun motor de pistóns
Grumman G-44 Widgeon 1940 276 Hidroavión bimotor de pistóns
Grumman XF5F Skyrocket 1940 1 Prototipo de caza bimotor naval de pistóns
Grumman XP-50 1941 1 Prototipo de caza bimotor de pistóns
Grumman TBF Avenger 1941 2 290 Torpedeiro cun motor de pistóns
Grumman F6F Hellcat 1942 12 275 Caza naval cun motor de pistóns
Grumman F7F Tigercat 1943 364 Caza bimotor naval de pistóns
Grumman G-63 Kitten I 1944 1 Prototipo de avión lixeiro cun motor de pistóns
Grumman G-72 Kitten II 1944 1 Prototipo de avión lixeiro cun motor de pistóns
Grumman F8F Bearcat 1944 1 265 Caza naval cun motor de pistóns
Grumman G-65 Tadpole 1944 1 Prototipo de avión anfibio lixeiro
Grumman AF Guardian 1945 389 Avión de guerra antisubmarina
Grumman G-73 Mallard 1946 59 Hidroavión bimotor
Grumman HU-16 Albatross 1947 466 Hidroavión bimotor
Grumman F9F Panther 1947 1 382 Caza naval monomotor a reacción
Grumman F9F-6 Cougar 1951 1 988 Caza naval monomotor a reacción
Grumman XF10F Jaguar 1952 1 Prototipo de caza naval monomotor a reacción
Grumman S-2 Tracker 1952 1 184 ou 1 185 Avión de guerra antisubmarina bimotor
Grumman F11F Tiger 1954 200 Caza naval monomotor a reacción
Grumman C-1 Trader 1955 87 Avión de carga bimotor
Grumman F11F-1F Super Tiger 1956 1 Prototipo de caza naval monomotor a reacción
Grumman E-1 Tracer 1956 88 Sistema aéreo de alerta e control embarcado
Grumman G-164 Ag Cat 1957 402[16] Avión agrícola monomotor
Grumman G-159 Gulfstream I 1958 200 Executivo turbohélice
Grumman OV-1 Mohawk 1959 380 Avión de observación
Grumman A-6 Intruder 1960 693 Reactor de ataque bimotor
Grumman E-2 Hawkeye 1960 122 Sistema aéreo de alerta e control embarcado
Grumman C-2 Greyhound 1964 56 Avión de carga bimotor
General Dynamics–Grumman F-111B 1965 7 Prototipo de caza naval a reacción
Grumman G-1159 Gulfstream II 1966 256 Bimotor executivo a reacción
Grumman EA-6B Prowler 1968 170 Avión de guerra electrónica
Grumman F-14 Tomcat 1970 712 Caza naval a reacción
Grumman American GA-7 Cougar 1974 115 Avión lixeiro bimotor
General Dynamics–Grumman EF-111A Raven 1977 42 Avión de guerra electrónica
Grumman X-29 1984 2 Reactor monomotor experimental
Grumman XJL N/A 3 Hhidroavión de observación
Grumman American AA-1 1 820 Avión lixeiro monomotor
Grumman American AA-5 3 282 Avión lixeiro monomotor

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Wragg, David W., ed. (1973). A dictionary of aviation. Reading: Osprey. ISBN 978-0-85045-163-4. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "The Grumman Story". web.archive.org. 2013-11-03. Archived from the original on 03 de novembro de 2013. Consultado o 2024-05-11. 
  3. "The Grumman Cats". Smithsonian Magazine (en inglés). Consultado o 2024-05-11. 
  4. Peck, Merton J. & Scherer, Frederic M. The Weapons Acquisition Process: An Economic Analysis (1962) Harvard Business School p.619
  5. Stephen A. Riffin (1 de xuño de 2005). Aviation's Most Wanted: The Top 10 Book of Winged Wonders, Lucky Landings, and Other Aerial Oddities. p. 294. ISBN 9781574886740
  6. Ian I. Stark (29 de marzo de 2018). "Grumman Studios: Secrets and fun facts". Newsday
  7. Snow, Shawn (2019-03-10). "EA-6B Prowler, one of the saltiest warfighters in the Marine Corps, retires". Marine Corps Times (en inglés). Consultado o 2024-05-11. 
  8. "Lunar Module". Cradle of Aviation Museum (en inglés). Consultado o 2024-05-11. 
  9. Astronautics and Aeronautics: Chronology of Science, Technology, and Policy. 1972. p. 339.
  10. "Grumman Aerospace Corporation". Britannica (en inglés). Consultado o 2024-05-11. 
  11. Thomas, Joel (2014-05-19). "How Gulfstream Became a Business Aviation Leader". www.stratosjets.com (en inglés). Consultado o 2024-05-11. 
  12. Gastelu, Gary (2019-05-07). "$6.3 billion delivery: New U.S. Postal Service truck to be picked this year". Fox News (en inglés). Consultado o 2024-05-11. 
  13. Witkin, Richard (1972-07-29). "Grumman Is Seeking $1‐Billion in Subcontracts in U.S. Space‐Shuttle Program". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 2024-05-11. 
  14. "Our History - Gulfstream News - Gulfstream News". www.gulfstreamnews.com (en inglés). Consultado o 2024-05-11. 
  15. "Our Heritage". Northrop Grumman (en inglés). Consultado o 2024-05-11. 
  16. "Ag-Cats in the Military". Gene Soucy Airshows. Consultado o 1 February 2021.