Cruz de Peñalba

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Cruz de Peñalba[1] é unha cruz votiva regalada, no século X, polo rei leonés Ramiro II a San Xenadio, abade do desaparecido mosteiro de Santiago de Peñalba en agradecemento polo auxilio recibido do Apóstolo Santiago na batalla de Simancas (ano 939) contra Abd al-Rahman III. Do devandito mosteiro, fundado polo bispo Salomón no ano 937 no val do Oza, centro da Tebaida berciana e non moi afastado do Camiño de Santiago, só se conserva a igrexa mozárabe de Santiago de Peñalba, situada na aldea de Peñalba de Santiago, pertencente ao concello de Ponferrada, na bisbarra do Bierzo.

Cruz de Peñalba.

Descrición e simboloxía[editar | editar a fonte]

É unha peza de ourivaría mozárabe con forma de cruz grega, equilátera (49 x 49 cm x 0,4 cm de grosor), realizada nun material non nobre: latón. Os chatóns de pedraría que a adornan, trinta en total, son de pouco valor e non teñen carácter simbólico. Foron engadidos posteriormente, ao igual que as letras alpha e omega que colgan dos brazos horizontais; se ben estas puideron complementala inicialmente e remitir á Apocalipse de san Xoán cuxo comentario iluminado, que tan ampla difusión tivo nesa época, os coñecidos Beatos, reproducen a imaxe deste tipo de cruz en nove dos exemplares conservados.

Os brazos de láminas de latón insírense nun disco central composto de dúas chapas cravexadas. O anverso órlase dunha fita cicelada a base de talos ondulados, arredor dos seus brazos, só interrompida no extremo inferior: A monarquía asturleonesa recupera sen complexos o aparato asociado ao poder real e imperial desenvolvido polos reis visigodos, de marcada influencia bizantina. Isto pode facernos supoñer que foi concibida, dada a súa simplicidade orixinal, para uso procesional e como insignia real e emblema de batalla máis que eclesiástico; ao modo do vexilo cruciforme bizantino. Aínda que tamén o seu uso como exvoto colgante deriva destas dúas fontes. Non é moi diferente polo tanto doutras cruces da época como a Cruz dos Anxos, custodiada na Cámara Santa de Oviedo. A Cruz de Peñalba é considerada a máis antiga peza do culto a Santiago da arte mozárabe; culto e padroado, este, que os reis asturleoneses fomentaron, asociándoo á dignidade real e ao éxito militar das súas campañas contra o califato de Córdoba.

No anverso da cruz, repartido entre os catro brazos, está burilado con grafía mozárabe o lema:

"IN NOMEE DOMINI NSI / IHU XPI OBONOREM / SANCT IACOBI / APLOSTOLI RANEMIRUS REX OFRT": En nome Do noso Señor / Xesucristo para honra de / Santiago / Apóstolo o Rei Ramiro (a) ofrece.

Doazón ao museo de León[editar | editar a fonte]

A Cruz de Peñalba foi doada en 1879 por Mariano Brezmes y Arredondo, bispo de Astorga (1875-1885), ao Museo de León, feito que seguramente evitou o espolio ou desaparición.[2] O Cáliz e Patena de Santiago de Peñalba,[3] contemporáneos, foron levados a Astorga e acabaron vendidos a un anticuario polos familiares dun arcebispo de Valladolid, no Museo do Louvre, en 1886. A desaparecida Cruz de Santiago de Compostela, doada por Afonso III en 874, foi roubada da catedral en 1906; por citar só dous exemplos relacionados. O erudito Ramón Álvarez de la Braña,[4]Cronista Oficial de León, escritor e arquiveiro do Museo Arqueolóxico de León, menciona esta cesión:

"Dela [da igrexa de Santiago de Peñalba] procede a cruz votiva de estilo bizantino, que posúe o Museo Arqueolóxico Provincial de León e que lle foi doada hai poucos meses polo Ilustre Señor Bispo de Astorga,".

Foi exposta por primeira vez fóra da provincia na Exposición Internacional de Barcelona en 1929.[5] Para posteriores mostras, xa a finais do século XX, realizouse un facsímile que actualmente se exhibe no Museo do Bierzo.

A Cruz de Peñalba como icona do Bierzo[editar | editar a fonte]

A Cruz de Peñalba é reivindicada, hoxe en día, como un dos principais sinais de identidade do Bierzo, figurando no centro do seu escudo e da bandeira. É utilizada como icona da identidade berciana[6] por distintas asociacións,[7] institucións[8] e, mesmo empresas.

Dende distintos grupos políticos e asociacións culturais realizáronse numerosas campañas a prol do seu retorno e en defensa do seu valor como símbolo do territorio berciano.[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Museo de León: A Cruz de Peñalba". Arquivado dende o orixinal o 25 de xullo de 2014. Consultado o 16 de xullo de 2014. 
  2. Nepomuceno, M.A. (24 de xullo de 2011). "Códices cobizados, arquiveiros alporizados e ladróns de ermidas apedrados". La Crónica de León. Arquivado dende o orixinal o 17 de decembro de 2011. Consultado o 25 de xuño de 2014. 
  3. Cáliz e patena do Abade san Pelayo/Museo do Louvre
  4. "Cantares de épica leonesa/Diario de León". Arquivado dende o orixinal o 23 de xullo de 2014. Consultado o 16 de xullo de 2014. 
  5. Catálogo da Exposición Internacional de Barcelona/1929
  6. La Cruz de Peñalba, Alma do Bierzo en corpo de latón
  7. "Instituto de Estudos Bercianos". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 08 de marzo de 2016. 
  8. "La Encina estrea a súa fachada norte coa Cruz de Peñalba/Diario de León". Arquivado dende o orixinal o 23 de xullo de 2014. Consultado o 16 de xullo de 2014. 
  9. "Cidadáns do Reino de León pide o regreso da Cruz de Peñalba a El Bierzo/Emilo Gancedo/Diario de León". Arquivado dende o orixinal o 13 de xaneiro de 2011. Consultado o 16 de xullo de 2014. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Levi-Provençal, Evaristo; García Gómez, Emilio (1950). Una Crónica anónima de Abd al-Rahman III al-Nasir (en castelán). Consejo Superior de Investigaciones Científicas. ISBN 978-84-00-00271-8. 
  • Sánchez-Albornoz, Claudio (1969). León y su historia: miscelánea histórica. Tomo I (en castelán). Centro de Estudios e Investigación San Isidoro/Patronato José María Cuadrado. ISBN 978-84-87667-56-5. 
  • Grau Lobo, Luis A. (1993). Cruz votiva de Santiago de Peñalba (en castelán). Instituto de Estudios Bercianos/Museo de León. 
  • Rodríguez Fernández, Justiniano (1998). Ramiro II, rey de León (en castelán). La Olmeda. ISBN 978-84-89915-01-5. 
  • Menéndez Pidal, Marcelino (2011). Historia de España (en castelán). El Buey Mudo. ISBN 978-84-938040-9-1.