Conversa:Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024

Os contidos da páxina non están dispoñibles noutras linguas.
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Caixa de información e outras observacións xerais[editar a fonte]

Ola, quería expoñer unha serie de observacións sobre aspectos que considero poden mellorar o artigo:

  1. Na caixa de información creo que habería que retirar a información sobre VOX, xa que é unha forza política sen representación parlamentaria. É certo que VOX conseguiu moitos máis votos e maior porcentaxe que DO en Galiza (non así na provincia de Ourense), mais tamén é certo que a mesma situación aplica a Sumar e esta si que non aparece no cadro (tivo case 13 000 votos máis e un 1,92 fronte ao 1,03 de DO). Doutra banda, creo que podería estar ben incluir o logo das eleccións ao principio da caixa en lugar de no corpo do artigo.
  2. O queixo que aparece na sección "Enquisas e debates electorais" é confuso. As cores empregadas no gráfico non se corresponden coas do partido ao que pertence a candidata ou candidato, de feito a primeira vez que o vin pensei que o gañador do debate fora o candidato do PSdeG, xa que Pontón aparece en vermello, que é a cor dos socialistas. Do mesmo xeito, a parte do queixo destinada á opción "Non sabe/non responde/en branco" debería estar en gris, que é como adoita poñerse. Descoñezo o modelo, por iso non o fixen eu mesmo.
  3. Considero que sería moi positivo engadir un cadro coas enquisas realizadas, como se fixo nos artigos dos procesos electorais anteriores. Cumpriría tamén unificar a nomenclatura, xa que hai artigos nos que a sección aparece como "Sondaxes" e outras como "Enquisas". Moi interesantes todas as táboas que presenta a Wikipedia en lingua inglesa.
  4. Sería igualmente positivo engadir algunha imaxe de mitins, carteis electorais, casetas informativas, algún colexio durante a xornada electoral... mesmo na sección "Movementos previos á convocatoria electoral" unha imaxe de Feijoo e Rueda, os dous presidentes da anterior lexislatura: o que gañou as eleccións anteriores e o que convocou as eleccións sobre as que trata este artigo.
  5. A sección "Enquisas e debates electorais" creo que habería que dividila en dúas distintas: por unha banda as enquisas (incluíndo o cadro que mencionei anteriormente) e por outra os debates. Tal e como está agora hai unha parte ampla na que se fala de enquisas e o debate da TVG, e logo unha sección chamada "Debates" que se reduce a unha táboa. Non sei canto se falou dos outros dous debates, pero supoño que algo se poderá dicir deles, e por suposto engadir o que se pon do debate da TVG na sección "Debates".
  6. A sección adicada á xornada electoral podería ser máis completa, hai texto na Wikipedia en castelán que poderiamos traducir (ou preferiblemente redactar un nos mesmos), e engadir as imaxes co mapa de participación por comarcas que hai nesa Wikipedia.
  7. Dentro do artigo da Wikipedia en castelán teñen unha sección na que se pon á lectora en antecedentes con datos dos procesos electorais inmediatamente anteriores (municipais e españolas de 2023), considero unha sección así moi interesante.
  8. Considero que faltan algunhas referencias, principalmente na sección que fala da noite electoral, mais tamén nas enquisas (pode solucionarse simplemente coa inclusión do cadro do que xa falei), a campaña e a visión xeral.
  9. A introdución do artigo é demasiado curta.

Un saúdo, Piquito (conversa) 26 de febreiro de 2024 ás 10:36 (UTC)[responder]

Ola, @Piquito. O de que non apareza SUMAR e si VOX, penso que se debe a que SUMAR non ten artigo de seu e non ten Q en Wikidata. Coido que os datos que aparecen na caixa de información son arrastrados dos daros existentes en Wikidata (de aí, todo o traballo realizado nos meses anteriores sobre a Infotaula de "Xeografía Política".Tamén concordo que a introdución é algo curta para o conxunto do artigo. Malia a iso penso que pode valer, sobre todo pola actualidade, como artigo destacado. Se se fose corrixindo e aumentando un pouco máis, podería valer tamén como artigo de calidade. Saúdos. MAGHOI (conversa) 28 de febreiro de 2024 ás 19:53 (UTC)[responder]
Grazas pola túa resposta, MAGHOI. Eu non digo que teña que aparecer Sumar, nin moito menos (pode que me explicara mal), o que digo é que ningún partido máis aló do PP, BNG, PSdeG e DO debería aparecer na caixa porque non teñen representación, e se poñemos a VOX debemos poñer a Sumar, Podemos, PACMA, Escanos en Branco… porque a nivel representación están todos eles ao mesmo nivel.
Doutra banda non entendo por que hai unha sección de candidaturas cunha táboa dividida nas que teñen representación parlamentaria e as que non, pero logo haxa unha sección para “outras candidaturas”… que outras candidaturas? Por que están a outro nivel? Deberían aparecer todas as candidaturas en igualdade, se se quere diferenciando as que partían con representación parlamentaria e as que non, pero esa separación que hai actualmente paréceme, por chamalo dalgún xeito, “clasista”.
Para min destacar este artigo foi precipitado, entre outras cousas, porque tiña seccións sen contido porque realmente o proceso non acabou e o presidente da Xunta non foi aínda nomeado.
Un saúdo, Piquito (conversa) 2 de marzo de 2024 ás 10:26 (UTC)[responder]