Consello de Seguridade Nuclear

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mapa das centrais nucleares de España. A vixilancia da súa seguranza compete ao CSN

O Consello de Seguridade Nuclear (CSN), en castelán Consejo de Seguridad Nuclear é unha institución española encargada de velar e controlar o efecto das radiacións ionizantes sobre traballadores, contorna ambiental e poboación, e da seguridade das instalacións nucleares e radioactivas. O seu informe é preceptivo para autorizar toda instalación que dispoña de materiais ou equipo radioactivo e independentemente de cal sexa a súa finalidade. O número de instalacións a seguir superaba en 2006 as 20.000.

Historia[editar | editar a fonte]

O precedente do CSN remonta ao período franquista, cando no ano 1950 se creou a Xunta de Enerxía Nuclear (en castelán Junta de Energía Nuclear), co obxectivo inicial de usar e desenvolver a enerxía atómica, e que figuraba como organismo asesor na materia. Porén non era unha institución independente, pois estaba vinculada directamente ao Ministerio de Industria, e xuridicamente carecía de competencias reguladoras, de control e de clausura de instalacións radioactivas e nucleares[1].

O xurdimento dunha conciencia crítica a respecto da enerxía atómica, levou en varios países á creación de organismos de control e regulamento da enerxía nuclear, sendo pioneiro a NRC nos Estados Unidos, fundada en 1975, imitada logo noutros, como Francia e Gran Bretaña. O modelo norteamericano foi o seguido en España. En setembro de 1977, durante a transición democrática, o Ministerio de Industria, dirixido naquela altura por Alberto Oliart, preparou para a década seguinte, o Plano Enerxético 1978-1987, no que se incluía a creación dun organismo independente de seguimento das actividades nucleares.

En 1979 o Congreso dos Deputados coidou como urxente a tramitación do proxecto de creación do CSN, o que finalmente dou orixe á Lei 15/1980 que o daba a luz, que co tamén citado Real Decreto 11-57 de 1982, dotaba ao CSN do entramado xurídico pertinente.

En 1998 foi creada a Comisión Nacional de Enerxía, cuxa misión, en parte, era velar polo funcionamento e transparencia do mesmo CSN, en beneficio de empresas e consumidores.

Pasados 25 anos de funcionamento a Comisión de Industria do Congreso dos Deputados chegou ao convencemento de que era preciso adaptar o CSN segundo o tempo transcorrido desde a súa creación, polo que foi preparada a Lei de reforma da Lei 15/1980, finalmente aprobada en 2007.

Presidentes do CSN[editar | editar a fonte]

Desde 1980 o CSN tivo os seguintes presidentes:

Estatuto xurídico[editar | editar a fonte]

O CSN é un organismo independente da administración do Estado, dotado cos medios precisos para exercer as súas funcións, ficando só sometido ás Cortes Xerais, perante as cales debe render contas anualmente, como garantía de control democrático. Porén o seu presidente e os conselleiros, cun mandato de seis anos, son nomeados polo Goberno, que con todo precisa da aprobación da Comisión de industria do Congreso. Os membros designados só poden ser cesados en virtude das circunstancias estabelecidas legalmente. As leis que competen a respecto do CSN son a Lei 15/1980, de 22 de abril, de creación do Consello de Seguridade Nuclear; o Real Decreto 11-57 de 1982 de Estatuto do CSN, e máis recente a Lei 33/2007, de 7 de novembro, de reforma da Lei 15/1980.

Estrutura[editar | editar a fonte]

A sede do CSN radica en Madrid, na rúa Pedro Justo Dorado Dellmans, nº 11.

Organigrama[editar | editar a fonte]

O CSN está formado por un Presidente e catro Conselleiros. Este Consello está auxiliado por un Gabinete Técnico de Presidencia e máis unha Secretaría Xeral da que dependen, á súa vez, a Dirección Técnica de Seguridade Nuclear e a Dirección Técnica de Protección Radiolóxica.

En 2006 o corpo técnico do CSN estaba composto por máis de 440 persoas.

Institucións vencelladas[editar | editar a fonte]

Para levar a cabo as tarefas encomendadas ao CSN, fóronse creando diversos organismos, entre os que cómpre destacar:

  • O CIEMAT ou Centro de Investigacións Enerxéticas, Medioambientais e Tecnolóxicas (1986), que debe realizar os labores que o seu nome indica, mais, tamén, a de asesorar ás administracións públicas nos asuntos que lle competen.
  • ENRESA, entidade pública empresarial, coa finalidade de xestionar e controlar os residuos radioactivos.
  • ENUSA ou Empresa Nacional do Uranio, sociedade que trata as primeiras fases do ciclo de combustibles nucleares, con capacidade de participación nacional e internacional.

Actividade[editar | editar a fonte]

A subministración de información ao CSN está contida no "Regulamento de Instalacións Nucleares e Radioactivos". No caso de incidencias, os titulares das instalacións afectadas, deben ser informada á Sala de Emerxencias do CSN (SALEM) nun prazo de 1 h a 24 h. Pola súa parte o CSN mantén catro redes de vixilancia, que recollen datos decote e que efectúa inspeccións nos centros.

Servizos didácticos[editar | editar a fonte]

A través do Centro de Información do CSN, radicado na mesma sede da institución, esta mantén unha sala interactiva posta a disposición de estudantes e profesores, en horario de luns a venres, previa cita, na que se achega aos visitantes ao coñecemento do mundo da radioactividade.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Lei 25/1964

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Seguridad Nuclear. Revista del CSN, nº 41, IVº trimestre 2006, ISSN 1136- 7806 , contén varios artigos sobre os primeiros 25 anos do CSN.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]