Bandeira dos sículos
Bandeira dos sículos | |
---|---|
Características | |
Uso | |
Proporción | 2:3 |
Adopción | 17 de xaneiro de 2004 |
Cores | Azul Dourado Prateado |
A bandeira dos sículos (en húngaro: Székely zászló; en romanés: Drapelul secuilor) é unha bandeira étnica do pobo sículo de Transilvania. Componse dun fondo de cor azul cunha faixa en ouro e un "sol-estrela" e lúa crecente, ámbolos dous considerados símbolos antigos dos sículos. Foi deseñada por Ádám Kónya, o Consello Nacional Sículo adoptouna en 2004. Dende entón é un símbolo para o pobo sículo. As autoridades romanesas impuxeron algunhas restricións sobre as condicións en que se pode mostrar a bandeira, o que supostamente fomentou a súa popularidade.
O deseño da bandeira susténtase en que tanto os símbolos da bandeira como as súas cores son tradicionais dos sículos. Respecto deste último, non hai probas fixas, pero a lúa crecente e o sol utilízanse polo menos desde o século XV en Transilvania. Porén, o uso dunha "estrela do sol" como a definiu Kónya é controvertido xa que non cumpre coas regras heráldicas. Ademais da azul e dourada, existe outra versión non oficial da bandeira sícula, unha vermella e negra utilizada por algúns grupos e organizacións sículas.