O Club Deportivo Black Ravens Fútbol Americano, tamén coñecido como Santiago Black Ravens (corvos negros de Santiago), é o equipo de fútbol americano de Santiago de Compostela.
En 2009 dous dos clubs pioneiros deste deporte en Galicia, os Teo Black Thunder e os Coruña Towers, xuntan as súas forzas para competir como Galiza Black Towers na nova Liga Portuguesa de Futebol Americano (LPFA) convidados polo presidente da Associação Portuguesa de Futebol Americano creada ese ano, nun momento no que ningún dos clubs podería facelo por separado, participando nas tres primeiras tempadas (2010, 2011 e 2012). En 2012, por mor do nacemento da Liga Galega de Fútbol Americano, os dous clubs deron por rematada esta colaboración temporal, e algúns membros dos Black Towers quixeron darlle continuidade a este proxecto en Santiago de Compostela baixo unha nova denominación: Black Ravens.
Os Black Ravens foron inscritos no Rexistro de Entidades Deportivas da Xunta de Galicia (CIF: G70339809) en 2012 e participaron nas seguintes dúas tempadas (2013 e 2014) da LPFA, debutando o 13 de xaneiro de 2013 e acadando apenas unha vitoria en catorce xornadas. Tamén participaron nas primeiras cinco edicións da Liga Galega de Fútbol Americano (LGFA) que conquistaron en catro ocasións, cedendo tan só a cuarta edición que gañou o equipo coruñés dos Towers.