Edith Cavell

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaEdith Cavell

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento(en) Edith Louisa Cavell Editar o valor em Wikidata
4 de decembro de 1865 Editar o valor em Wikidata
Swardeston (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte12 de outubro de 1915 Editar o valor em Wikidata (49 anos)
Schaerbeek, Bélxica (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Causa da mortepena de morte, ferida por arma de fogo Editar o valor em Wikidata
Lugar de sepulturaNorwich Cathedral (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeReino Unido de Gran Bretaña e Irlanda Editar o valor em Wikidata
RelixiónIgrexa Anglicana Editar o valor em Wikidata
EducaciónNorwich High School for Girls (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónenfermeira , matrona romana (pt) Traducir , institutriz Editar o valor em Wikidata
EmpregadorThe Royal London Hospital (en) Traducir
St Leonard's Hospital (en) Traducir
Movemento Internacional da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua inglesa e lingua francesa Editar o valor em Wikidata
Carreira militar
ConflitoPrimeira guerra mundial Editar o valor em Wikidata
Enaltecemento
Día de festividade relixiosa12 de outubro Editar o valor em Wikidata
Outro
Condenado portraizón (1915) Editar o valor em Wikidata

Páxina webedithcavell.org.uk Editar o valor em Wikidata
IMDB: nm1282663 WikiTree: Cavell-26 Find a Grave: 8813446 Editar o valor em Wikidata

Edith Louisa Cavell (|ˈkævəl|), nada en Swardeston o 4 de decembro de 1865 e finada en Bruxelas o 12 de outubro de 1915, foi unha enfermeira británica condenada a morte en xuízo sumarísimo por un tribunal militar alemán durante a primeira guerra mundial, acusada de alta traizón por acoller no seu hospital en Bruxelas ata douscentos soldados belgas, franceses e ingleses (prisioneiros evadidos e pilotos abatidos) e axudalos a fuxir de Bélxica e reintegrarse nos seus postos de combate.

Cavell, que tiña 49 anos cando foi executada, foi unha pioneira da enfermaría moderna en Bélxica.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu en Swandeston (Norfolk) en 1865, filla máis vella do vigairo da localidade. Tras completar a súa educación, traballou como institutriz para varias familias, entre elas unha de Bruxelas de 1890 a 1895. Volveu á súa casa para coidar o seu pai enfermo, e trala súa recuperación, decidiu estudar enfermaría. En 1896, con 30 anos, comezou a traballar como enfermeira en prácticas no London Hospital.[1]

Edith Cavell (no centro) cun grupo de estudantes de enfermaría da escola de Bruxelas.

En 1907, o doutor Antoine Depage recrutouna para convertela en enfermeira xefa do Instituto Berkendael. En outubro dese ano Depage fundou L'École Belge d'Infirmières Diplômées, confiándolle a dirección a Cavell.[2]

Cando estalou a primeira guerra mundial, a escola e o instituto quedaron en mans da Cruz Vermella, que tiña como presidente a Depage. Cavell converteuse en axente do MI6, o servizo secreto británico.[3] ao invadir os alemáns Bélxica, ordenouse que todos "os feridos perigosos ou sospeitosos" fosen sacados do hospital. Cavell abandonou os seus labores de espionaxe e dedicoue a axudar centos de soldados a escapar cara aos Países Baixos, país neutral, grazas a unha rede de evasión organizada por belgas da zona de Mons e franceses de Lille e Valenciennes, violando a lei marcial imposta polos ocupantes. Non obstante, un espía alemán infiltrado descubriu esta rede, o que levou á súa neutralización e á detención de numerosas persoas, entre elas Edith Cavell, que foi arrestada o 3 de agosto e encarcerada na prisión de Saint-Gilles.

Os xuízos aos integrantes da rede tiveron lugar o 7 e o 8 de outubro de 1915. Edith Cavell non fixo intento ningún por defenderse, admitindo os cargos. O 11 de outubro foi condenada a morte.

O goberno británico non puido facer nada por salvar a vida da enfermeira. Os Estados Unidos, que aínda non entraran na contenda, exerceron presións diplomáticas. O primeiro secretario da súa representación en Bruxelas, Hugh Gibson, falou co gobernador alemán de Bélxica, von der Lancken, inclinado a perdoar a vida de Cavell pola súa honestidade ao admitir os seus cargos e porque salvara numerosas vidas alemás e aliadas:

Recordámoslle [a von der Lancken] o incendio de Leuven e o afundimento do Lusitania, e dixémoslle que este asasinato se uniría a eses dous sucesos e inundaría todos os países civilizados de horror e desgusto. Nese momento, o conde Harrach interveu co irrelevante comentario de que prefería ver fusilada a señorita Cavell que ver o mínimo dano inflixido ao máis humilde dos soldados alemáns, e que só lamentaba non ter «tres ou catro vellas inglesas que fusilar».[4]

Hugh Gibson, o asesor legal da embaixada estadounidense e o embaixador de España, Rodrigo de Saavedra, organizáronse para pedir a conmutación da pena ou polo menos o seu aprazamento, e durante toda a noite do 11 ao 12 de outubro recorreron ás máis altas instancias alemás sen éxito ningún. Para acabar coas presións internacionais, os alemáns decidiron executar a sentenza de forma expedita: Cavell foi fusilada na madrugada do 12 de outubro nun terreo militar coñecido como Tir national.

O embaixador español aconsellou que o seu corpo fose inhumado rapidamente no cemiterio habilitado no mesmo lugar da execución.[5]

Consecuencias da súa morte[editar | editar a fonte]

Anuncio do filme The Woman the Germans Shot

Nos anos seguintes á morte de Edith Cavell, a súa historia foi publicada en innumerables artigos de prensa, panfletos, imaxes e libros. Converteuse nunha figura icónica de propaganda para o recrutamento militar en Gran Bretaña, e nos Estados Unidos empregouse para incrementar as simpatías cara ao bloque aliado. A súa popularidade emanaba do seu sexo, a súa profesión de enfermeira e da súa actitude heroica ante a morte. A súa execución presentouse como unha demostración da barbarie e a depravación moral dos alemáns.

O ministro alemán de Asuntos Exteriores, Arthur Zimmermann, declarou á prensa do seu país que a execución de Edith Cavell fora “lamentable mais necesaria”:

(...) consideren que lle sucedería a un estado, sobre todo en guerra, se permitise que os delitos contra a seguridade dos seus exércitos non recibisen castigo por seren cometidos por mulleres. (...) Se se lles perdoa faríase a expensas da seguridade dos nosos exércitos, pois hai que temer novos intentos de facernos dano se se cre que os delincuentes non sufrirán ningún castigo ou só unha pena leve.[6]

Segundo dixo posteriormente un oficial do Estado Maior alemán, «foi un dos nosos maiores erros. Non puidemos concibir unha acción máis impopular».[7] A noite anterior á súa execución confesoulle ao capelán da prisión que non sentía odio ningún contra os alemáns e que non temía a morte porque vira tanta no hospital que a coñecía demasiado ben. O famoso poeta alemán Gottfried Benn, entón médico militar da prisión de Saint-Gilles, presenciou e certificou a súa morte, e escribiu que nunca coñecra unha muller con tanto valor: «Como debe xulgarse o fusilamento de Edith Cavell? Entrou na guerra e a guerra destruíuna».[8]

Posguerra[editar | editar a fonte]

Interior do vagón Cavell na estación de Bodiam.

O 13 de maio de 1919, finalizada a guerra, o corpo de Edith Cavell foi trasladado dende Bruxelas a Londres, escoltado por un destacamento de tropas británicas e aclamado por miles de persoas que acompañaron a comitiva en Bélxica e no Reino Unido. Tralo funeral de estado na abadía de Westminster, ao que asistiron os políticos máis destacados e a familia real, o féretro trasladouse por tren a Norwich, onde repousa nunha zona chamada Life's Green ao pé do muro leste da catedral.[9] O vagón que trasladou os seus restos dende Dover a Londres, bautizado como Cavell Van, propiedade da Kent ande East Sussex Railway, pode visitarse na estación histórica de Bodiam.

Honras[editar | editar a fonte]

Erixíronse monumentos na súa memoria en varias cidades, dos cales, os máis importantes son:

  • A estela situada no enclos des fusillés do Tir national de Bruxelas, na que figura o seu nome entre os 35 fusilados nese lugar.[10]
  • Tumba e monumento na catedral de Norwich.
  • Monumento realizado por George Frampton en St. Martin's Place de Londres.
  • Monumento a Edith Cavell e Marie Depage na entrada da clínica Edith Cavell de Uccle (Bruxelas).[11] No patio desa clínica consérvase a lápida da tumba orixinal de Cavell no enclos des fusillés.[12]

A Igrexa de Inglaterra dedica o 12 de outubro á memoria de Edith Cavell, como conmemoración da súa vida e sacrificio, aínda que non está canonizada no sentido tradicional.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Grant, Sally (1995). Edith Cavell 1865-1915 (en inglés). Dereham, Norfolk: Larks Press. pp. 5-6. 
  2. M.M.R. (xullo de 1941). "Reviewed Work: Edith Cavell by Helen Judson". The American Journal of Nursing (Lippincott Williams & Wilkins) 41 (7): 871. doi:10.2307/3415077. 
  3. Rankin, Nicholas (2009). A genius for deception: how cunning helped the British win two world wars (en inglés). Oxford University Press. pp. 36–37. ISBN 978-0-19-538704-9. Consultado o 1 de novembro de 2017. 
  4. Bowman, Martin (26 de xuño de 2014). "Chapter 4. Patriotism Is Not Enough". Lost Wings of WWI: Downed Airmen on the Western Front 1914-1918 (en inglés). Pen ande Sword. ISBN 9781473842267. Consultado o 1 de novembro de 2017. 
  5. "Grave of Edith Cavell, Tir National Cemetery, Brussels, Belgium" (en inglés). Consultado o 1 de novembro de 2017. 
  6. Michael Duffy (22 de agosto de 2009). "Primary Documents - Arthur Zimmermann on the Execution of Edith Cavell, 12 October 1915". Firstworldwar.com (en inglés). Consultado o 1 de novembro de 2017. 
  7. Suplemento diario La Nación, Chile, fascículo 7, páx. 104
  8. Paisey, David (13 de outubro de 2015). "How Edith Cavell made a confession". theguardian.com (en inglés). Consultado o 30 de outubro de 2017. 
  9. "Gran Bretaña". Guías visuais Peugeot-El País-Aguilar. Madrid, 2.ª edición, 1998. ISBN 84-03-59434-8. páx. 186.
  10. "Commune de SCHAERBEEK - Gemeente SCHAARBEEK, Enclos des fusillés - Ereperk der Gefusilleerden". bel-memorial.org (en francés e neerlandés). Consultado o 1 de novembro de 2017. 
  11. "Commune de UCCLE - Gemeente UKKEL: Monument à Edith CAVELL et Marie DEPAGE - Standbeelde voor Edith CAVELL en Marie DEPAGE". bel-memorial.org (en francés - neerlandés). Consultado o 1 de novembro de 2017. 
  12. BECCG- Belgian Edith Cavell Commemoration Group. "Edith Cavell Story - Theme 6 – Memorials to Edith Cavell throughout the world". Nurse Edith Cavell - 100 Years Commemoration 1915-2015. Consultado o 1 de novembro de 2017. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

  • Louise de Bettignies, espía francesa arrestada polos alemáns que morreu en catividade en 1918
  • Mata Hari, bailaría neerlandesa executada polos franceses en 1917 por cargos de espiar para Alemaña
  • Gabrielle Petit, enfermeira belga executada polos alemáns por espiar para os británicos en 1916
  • Andrée de Jongh, enfermeira belga que, inspirada por Cavell, creou durante a segunda guerra mundial o Comète Line para repatriar aviadores aliados
  • Masha Bruskina, enfermeira belarusa executada polos alemáns en 1941 por axudar a fuxir a soldados

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]