Biodiversidade

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

Imaxe dun Lince Lynx lynx, unha das cerca de 2 millóns de especies identificadas que conforman o patrimonio da Biodiversidade no mundo
Imaxe dun Lince Lynx lynx, unha das cerca de 2 millóns de especies identificadas que conforman o patrimonio da Biodiversidade no mundo

Biodiversidade (neoloxismo do inglés Biodiversity, á súa vez do grego βιο-, vida, e do latín diversĭtas, -ātis, variedade), tamén chamada diversidade biolóxica, é o termo polo que se fai referencia á ampla variedade de seres vivos sobre a Terra e os patróns naturais que conforma, resultado de miles de millóns de anos de Evolución segundo procesos naturais e tamén, da influencia crecente das actividades do ser humano. A biodiversidade abrangue igualmente a variedade de ecosistemas e as diferenzas xenéticas dentro de cada especie que permiten a combinación de múltiples formas de vida, e cuxas mutuas interaccións e co resto da contorna, fundamentan o sustento da vida sobre o planeta.

Non se sabe con certeza o número total de diferentes especies existentes. Crese que pode haber máis de 30 millóns, se ben só se coñecen e se clasificaron algo máis de 2 millóns. A biodiversidade non está repartida por igual en todo o mundo. Os hábitats con maior diversidade son os bosques tropicais e os arrecifes de coral, onde se calcula que viven máis da metade de especies da Terra.

[editar] Perda da biodiversidade

Esta sección precisa fontes ou referencias que aparezan nunha
publicación acreditada, como libros de texto ou outras publicacións especializadas no tema.


Cada día que pasa extínguense especies enteiras de seres vivos. Esta desaparición acentuouse nos últimos anos, debido a diferentes causas, entre as que destacan:

  • Destrución e fragmentación de hábitats, especialmente bosques e ecosistemas acuáticos, debido a incendios forestais, deforestación con fins madeireiros, construción de vías de comunicación, encoros, etc.
  • Contaminación de augas, solos e atmosfera, producida polo desenvolvemento agrícola, industrial e urbano. Un dos seus efectos máis importantes é o cambio climático.
  • Caza incontrolada. A caza regrada e vixiada non ten por que causar danos ,pero a caza e a pesca abusiva exterminan especies ameazadas.
  • Introdución de especies exóticas fóra da súa área de distribución, o que pon en perigo as especies autóctonas. A venda de certos animais de compañía que se poñen de moda en determinados momentos, o coleccionismo de animais, e o comercio ilegal de especies protexidas supoñen unha gran perda de biodiversidade.

[editar] Necesidade de conservar a biodiversidade

Esta sección precisa fontes ou referencias que aparezan nunha
publicación acreditada, como libros de texto ou outras publicacións especializadas no tema.


Aínda que algunhas especies desaparecen por causas naturais, hai un gran número de razóns para evitar a súa desaparición por causas non naturais; entre elas destacan:

  • Razóns éticas. Respectar a diversidade de formas de vida e evitar as accións que poñan en perigo os seres vivos é necesario para preservar os recursos das futuras xeracións.
  • 'Razóns comerciais. A biodiversidade proporciona recursos que poden chegar a esgotarse. Moitos materiais que necesitamos habitualmente, como a madeira, o papel, os alimentos, etc., obtéñense de organismos vivos. Algunhas substancias producidas por seres vivos utilízanse para curar ou previr enfermidades, como os antibióticos obtidos dos fungos. A maior parte dos materiais que utilizamos no vestir teñen unha orixe animal(peles, la, etc.) ou vexetal (algodón, liño, etc.). Outros materiais, coma o caucho, o aceite, as fibras, o papel e a resina obtidas de especies vexetais son fontes de materia prima para a industria.
  • Razóns estéticas ou recreativas. As plantas e os animais salvaxes son fonte de admiración para moitas persoas, teñen un alto valor estético e son obxecto de lecer. Por outro lado, posibilitan a obtención de ingresos do turismo, a caza controlada, os safaris fotográficos,etc.
  • Razóns científicas. Manter a biodiversidade permite coñecer mellor o funcionamento dos ecosistemas e o papel dos distintos seres vivos en cada un deles.
Ferramentas persoais