Río Anllo
Río Anllo | |
---|---|
O río Anllo ao seu paso por Fanoi, Abadín. | |
País | España |
Comunidade Autónoma | Galicia |
Nacemento | Os Currás (Abadín) Cordal de Neda [1][2][3] |
Altitude | 538 m |
Lonxitude | 42 km [2] |
Desembocadura | Río Miño [1] |
Altitude desembocadura | 393 m |
Cadea fluvial | Río Anllo, Río Miño |
Conca do río Miño no territorio galego | |
O río Anllo é un pequeno curso fluvial galego da provincia de Lugo, afluente do Miño, no seu curso alto e pola súa marxe dereita.
Étimo[editar | editar a fonte]
O nome pode corresponder a un étimo latino *rivu angulu, "río en ángulo"[4], posibelmente respondendo ao seu curso sinuoso, como está ben demostrado para Riaño, na provincia de León.
Descrición[editar | editar a fonte]
O Anllo nace ó pé do Cordal de Neda, na xunta dos regos da Ponte Vella e de Lousas, na ponte dos Currás, no concello lugués de Abadín, co nome de rego da Xesta.[1][2][3] Nos seus primeiros quilómetros de percorrido recolle as augas de numerosos regos que baixan dende o Xistral e o Cordal de Neda, e recibe os nomes de rego de Gontán, e río Abadín.[1] Logo de atravesar a parroquia das Goás recibe definitivamente o nome de Anllo. Penetra no concello de Cospeito e divídese en dous brazos: o dereito coñécese como río Guisande e desemboca no Támoga tras bañar a lagoa de Cospeito, mentres que o Anllo continúa polo brazo esquerdo[1][3]. Máis adiante volve dividirse en dous, formando unha grande insua na parroquía de Roás.[1] Despois de atravesar as parroquias de Momán e Xermar desauga no Miño no muíño do Toural, entre os lugares de Amorín (parroquia de Triabá, Castro de Rei) e Vilaguisada (parroquia de Xermar, Cospeito).[1] O seu percorrido total é de 42 km.[2]
O Anllo é un río de réxime pluvial, consonte unha pluviosidade de tipo oceánico. A media de precipitacións da súa conca de 1.166 mm anuais. [Cómpre referencia]
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Instituto Geográfico Nacional de España. "SIXPAC, coordenadas 43°21'12.2"N 7°27'28.3"W" (Mapa). Visor SIXPAC. Consultado o 08/06/2019.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Cañada, Silverio, ed. (2003). "Anllo". Gran Enciclopedia Galega 3. El Progreso - Diario de Pontevedra. p. 42. ISBN 84-87804-05-5.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Núñez Pérez, Manuel; Lois Lois, Adela; Daporta Padín, Mon (2007). Os ríos de Galiza. A Nosa Terra. Promocións Culturais Galegas, S.A. p. 40. ISBN 978-84-8341-136-0.
- ↑ Cabeza Quiles, F. (2000). Os nomes da terra. Toxosoutos, Noia (A Coruña). ISBN 84-89129-97-5.