De catro a catro

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

Estatua de Manuel Antonio en Rianxo
Estatua de Manuel Antonio en Rianxo

De catro a catro. Follas dun diario d'abordo, publicado no 1928, é a obra por excelencia de Manuel Antonio Pérez Sánchez, quen naceu o 12 de xullo de 1900 en Rianxo (provincia da Coruña), e morreu no ano 1930 na aldea de Asados (Rianxo)

De catro a catro foi o único libro que Manuel Antonio publicou na súa curta vida e é o primeiro poemario integramente vangardista, en concreto creacionista, da nosa literatura. Por mor disto, De catro a catro converteuse nun fito literario pois achega unha poética diferente daqueloutra que consagraba as formas e contidos tradicionais, marcando un antes e un despois nas historia da literatura galega.

Desde a propia perspectiva das vangardas, véñense citando no libro as influencias de autores como Vicente Huidobro, Pierre Reverdy... En boa medida, é posible subliñar a presenza dun texto fundamental nas concepcións poéticas de Manuel Antonio: trátase do libro titulado La poésie d´aujourd´hui, un nouvel état d´intelligence (1921), de Jean Epstein, que o poeta rianxeiro traduciu -ou comezou a traducir- ao galego. A procura do "novo" -para alén de toda estética-, o traballo intelectual por parte do lector, a rutura da lóxica e a supresión da secuencia espazo-temporal son elementos definidos por Epstein e que Manuel Antonio soubo incorporar con mestría no seu traballo.

Doutra parte, De catro a catro mostra igualmente un proceso de traballo da linguaxe excepcional: a capacidade por incorporar o léxico mariñeiro -mesmo dialectal- a un discurso onde, ao tempo, figuran anglicismos, xermanismos... a presenza dunha linguaxe técnica, inusual na arte poética, dan boa medida do afán de preocupación formal por parte de Manuel Antonio quen atinxe así unha obra de sorprendente beleza.

[editar] Estrutura

O poemario consta de dezanove poemas que foron escritos nos anos 1926 e 1927 cando o rianxeiro, embarcado no pailebote Constantino Candeira, percorreu as augas do Mediterráneo e presenta, polo mesmo, un fío común experiencial que se fai patente no subtítulo “Follas sen data dun diario de abordo” e na estrutura da obra, xa que os poemas están circunscritos a un ámbito que se abre mediante o primeiro texto “Intencións” (en que Manuel Antonio soña co que acontecerá nas futuras singraduras) e un último, ”Adeus” en que se despide do Constantino Candeira.

Non obstante, a viaxe descrita nas páxinas do poemario acaba por ser unha viaxe cara a ningures. Tal e como se se tratase dun cosmonauta perdido, aboiando na infinitude do Cosmos, así o navío de Manuel Antonio paira nun mar sen ribeiras nin horizontes e no cal todos os sinais acaban morrendo e perdéndose nesa propia soidade do "alto mar" (Xosé Ramón Pena) convertido, efectivamente, nunha "illa de auga rodeada de ceo por todas partes".

[editar] Véxase tamén

[editar] Ligazóns externas

Ferramentas persoais